A Consellaría de Innovación e Industria inviste 1,6 millóns de euros nun espazo que servirá ademais como promoción para o próximo Xacobeo 2010.
A estrutura, de 7×13 metros, estará formada por pequenos recipientes con auga procedente de fontes, ríos, praias, pozos, etc, e sobre esta malla proxectaranse imaxes do país.
Os grandes eixes temáticos do pavillón serán o Camiño de Santiago, os espazos naturais e as praias, as industrias do mar, o termalismo, as Denominacións de Orixe e os cascos históricos.
Entre os días 12 e 20 de xullo celebrarase a Semana de Galiza na Expo Zaragoza, que contará cun intenso e variado programa de actividades socio-culturais.
No foro científico Tribuna da Auga participarán destacados especialistas galegos das tres universidades, ONGs e colectivos medio-ambientais.
Finalmente, o Centro Superior de Hostalería de Galicia xestionará o restaurante do pavillón, onde se ofrecerá unha selección da mellor oferta gastronómica.
Unha gran pantalla con 3.000 mostras de auga de todos os concellos presidirá o pavillón galego na Expo de Zaragoza
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez presentou hoxe en Santiago, a orixinal proposta que Galiza trasladará á Exposición Internacional de Zaragoza, o gran evento que, centrado na auga e o desenvolvemento sostible, se celebrará na capital aragonesa entre o 14 de xuño e o 14 de setembro. No acto de hoxe, o conselleiro estivo acompañado polo director xeral de Turismo, Rubén C. Lois González mais polo xerente do Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar.

Unha pantalla xigante de trece metros de lonxitude por sete de alto será o elemento central dun pavillón que contará cunha superficie total de 350 metros cadrados. Esta estrutura estará formada por 3.000 mostras de auga que serán recollidas, dende febreiro ata maio, por un equipo de especialistas que percorrerán os 315 concellos de Galiza. As mostras serán introducidas nuns recipientes transparentes que, envasados ao baleiro, conformarán unha orixinal malla. Este peculiar muro de auga formará unha pantalla interactiva sobre a que se irán proxectando imaxes do país. Cada un dos 3.000 envases serán só visibles cando o visitante se aproxime a eles e contarán con información precisa do lugar onde foi captada a auga.

A través deste escenario visual e emocional Galiza tentará transmitir neste magno evento, e dunha maneira nova, orixinal e interactiva, que é o país da auga, o líquido elemento que a percorre por todos os seus recantos e a define e enriquece.

Fronte a esta pantalla desenvólvese un pavillón que está concibido como un espazo de relax. Unha atmosfera tipo chill-out onde repousar e captar as sensacións que transmite o lugar. No lateral esquerdo da sala ubicarase unha ringleira de pantallas a través das que o visitante poderá visualizar, entre outros recursos, o making of da captación das augas, é dicir, un audiovisual onde se mostrará como foi a recollida das augas para a gran pantalla nalgúns dos lugares máis emblemáticos de Galiza. Esta fórmula permitirá percorrer os mellores recursos turísticos do país relacionados coa auga, e dun xeito diferente. Entre eles: Acantilados de Roncudo, Santo André de Teixido, Fragas do Eume, Fonte de Praterías, Pedregal de Irimia, Pedregal de Irimia, Devesa da Rogueira, San Miguel de Montefurado, Fonte da Fonsagrada, As Burgas, Ribeira Sacra, Pena Trevinca, Manantial de Riocaldo, Fervenza do Toxa, Esteiro do Miño, Balneario de Mondariz e praia da Lanzada.
A través desas pantallas,o visitante poderá acceder tamén a toda a información relativa ás captacións de auga: nun mapa de Galiza aparecerán todos os puntos de recollida e a ubicación concreta no panel xigante.
Á entrada do pavillón, a exposición mostrará cinco grandes paneis informativos montados sobre caixas de luz, onde se desenvolverán os seguintes temas:
- Os Camiños de Santiago (Xacobeo 2010).
- Espazos Naturais (Parque Nacional, Parques Naturais, Humedais, Rede Natura, Reservas da Biosfera)
- Termalismo
- Praias
- Denominacións de Orixe
- Cascos históricos relacionados coa auga
- Industrias do mar
Finalmente, a fachada exterior do pavillón artellarase como un pórtico escenográfico, unha infinidade de luces que irán cambiando de cor como alegoría á Vía Láctea, á Galiza verde ou á propia auga.
A Consellaría de Innovación e Industria está a investir no Pavillón de Galiza, a través da S.A. de Xestión do Xacobeo, 1,6 millóns de euros. Nas próximas semanas convocarase o concurso de execución da obra pois o deseño maila dirección dos traballos xa foi adxudicado, por concurso público, o pasado 18 de setembro, á empresa Expociencia S.A.
A semana de Galiza na Expo
Entre os días 12 e 20 de xullo Galiza terá a súa semana grande dentro da Exposición Internacional. Unhas xornadas que contarán cun amplo programa de actividades socio-culturais onde se darán cita os referentes musicais e artísticos máis destacados do noso país. O venres día 18 será o Día de Honra de Galiza. Nestes momentos estase a pechar o programa de actuacións.
Galiza presentou vinte proxectos ao foro “Tribuna da Auga”, o gran encontro científico da Expo. As tres universidades, a Xunta de Galicia, diversas ONGs e organismos ou institucións medio ambientais galegas participarán cos seus traballos e investigacións coa finalidade de participar nesta cita. Con todos eles publicarase un volume científico sobre Galicia e a auga.
Unha selección da mellor gastronomía
O noso país levará a Zaragoza unha selección da súa mellor oferta gastronómica. O Centro Superior de Hostalería de Galicia será o encargado da súa xestión. O restaurante funcionará como un fast-food que Galiza compartirá nun mesmo recinto coas restantes Comunidades Autónomas.
O menú galego contará con salpicón de marisco, empanada, pementos de Padrón, vieiras, polbo á feira e carne ao caldeiro, entre outras seleccións. Como aperitivos: zamburiñas, ameixas, mexillóns en escabeche, berberechos ao vapor ou tosta de chicharróns. E nos postres: tarta de Santiago, filloas, cañas de Ourense, Pedras de Santiago e Marrón Glaçé.


