O vicepresidente da Xunta abriu esta mañá a Semana de Galiza na Expo de Zaragoza
Asegurou que a agua representa un “elemento diferenciador” da oferta turística galega e un activo de calidade na promoción exterior de Galiza
Considerou a presenza de Galiza na Expo como o grande pórtico promocional do Xacobeo 2010, á preparación do cal se destinan 141,4 millóns de euros
Asegurou que Galiza atopou na auga o grande eixe transversal para facer da Comunidade unha economía competitiva, innovadora e atractiva para o investimento
Quintana anuncia un investimento de 6,5 millóns de euros para o impulso do turismo termal e náutico para potenciar Galiza como destino atlántico
O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, reafirmou hoxe a aposta do Goberno galego, a través da súa Consellería de Innovación e Industria, por potenciar o carácter de Galiza como destino atlántico nun novo modelo turístico que traballa os elementos de calidade e que ten na auga un multiplicador de oportunidades. Quintana asegurou, durante a apertura da Semana de Galiza na Expo de Zaragoza, que a auga “representa un elemento diferenciador da nosa oferta e un activo de calidade na promoción exterior de Galiza”. Con este obxectivo, adiantou que a Xunta destinará ata finais da lexislatura 6,5 millóns de euros ao impulso do turismo termal e náutico.
“Queremos que a identificación entre Galiza como destino de calidade e a auga sexa total”, asegurou o vicepresidente galego, quen recordou que, cos seus preto de 300 mananciais e 2.734 prazas en máis de 20 balnearios, “Galiza é potencia termal e está na vangarda europea en turismo de saúde”. Por iso, explicou que o Executivo galego está a centrar os seus esforzos na promoción e comercialización desta oferta existente, así como en achegala á excelencia para levala a novos mercados, identificándoa ademais como un espazo básico para a desestacionalización.
Quintana concretou que, para acadar tales fins, a Xunta destinará un total de 4,5 millóns de euros ao reforzamento do turismo termal. Concretamente, investiranse 2 millóns de euros en axudas á mellora e recuperación das infraestruturas hoteleiras orientadas á oferta termal; ademais dos 1,5 millóns de euros que se achegarán para o desenvolvemento do Plan Estratéxico da cidade de Ourense, capital termal. As actuacións promocionais da oferta termal galega recibirán un pulo concretado en máis dun millón de euros.
Anxo Quintana quixo resaltar tamén a posición emerxente da Comunidade galega no escenario do turismo e as actividades náuticas. Con 1.300 quilómetros de costa e unhas instalacións de primeiro nivel, cifradas en máis de 8.000 amarres en 23 portos, “presenta un perfil de destino ideal para esta modalidade turística”, asegurou, e considerou este feito como unha oportunidade clave para a consolidación do sector turístico en termos de calidade que se está a aproveitar a través de actuacións de promoción en eventos náutico-deportivos e feiras internacionais de referencia. Neste senso, recordou a participación estes días de Galiza como convidada de honra na festa do mar que se celebra en Brest.
Así mesmo, Quintana sinalou que a Xunta ten previsto destinar 2 millóns de euros ao apartado do turismo e as actividades náuticas. Concretamente, destinaranse 600.000 euros a medidas de apoio aos concellos que desenvolvan actuacións de mellora e acondicionamento de areais; outro medio millón de euros irá destinado á colaboración coas federacións, asociacións e clubes náuticos para o desenvolvemento de actividades de lecer náutico; por último, destinarase unha achega de 900.000 euros á concreción de plans de dinamización do produto turístico naqueles municipios con oferta náutica e fluvial.
O vicepresidente asegurou que o acerto desta liña de actuación en materia turística pode comprobarse nas cifras de crecemento do sector, por enriba da media estatal. O número de viaxeiros en Galiza no pasado mes de maio aumentou un 8,2% con respecto ao mesmo mes do ano anterior, fronte ao 5,2% do Estado; e as pernoctacións nun 13,4%, fronte ao 6,6% no conxunto español. Ademais, intensificouse o emprego no sector, cun aumento do 25% entre 2005 e 2007.
SEMANA DE GALIZA NA EXPO
O vicepresidente da Xunta destacou a activa participación da Comunidade galega na Expo de Zaragoza, que a partir de hoxe celebra unha Semana dedicada a Galiza. Esta presenza, moi superior á que se prevé para os demais territorios do Estado, singularízase a través dun ambicioso programa de actividades ao longo de 15 días, que servirán para poñer de relevo, en palabras de Anxo Quintana, “o protagonismo de Galiza como país da auga”.
Quintana apuntou que Galiza acode a esta Exposición Internacional coa vocación de deixar pegada a través dunha estratexia sofisticada de promoción exterior que “ten no binomio innovación-tradición a súa mellor carta de presentación”. A Comunidade presenta un pavillón singular presidido por unha grande estrutura formada por máis de 3.000 mostras de auga, recollidas nos 315 concellos de Galiza. Con máis de 7.000 visitas diarias, este xenuíno muro de auga proxecta en imaxe os mellores recursos turísticos culturais e paisaxísticos do país galego, facendo dos sons e a recreación ambiental unha canle privilexiada para vivir a especial relación desta terra coa cultura da auga.
O vicepresidente asegurou que esta presenza na Expo é o resultado dun claro intento por xerar complicidades e crear alianzas cos axentes económicos galegos, que comparten a necesidade de inverter en proxección do país. Neste sentido, 15 dos principais grupos empresariais da Comunidade sumaron esforzos para a realización destas actividades de promoción, co que o pavillón actúa como escaparate para dar a coñecer Galiza e as súas empresas, nun claro impulso á súa internacionalización.
En canto á auga como espazo de investigación, deu mostra da inquietude que comparte Galiza neste ámbito, como evidencia a participación na Tribuna da Auga da Expo de 13 científicos e expertos galegos, sendo o territorio do Estado con máis representación no Foro.
PÓRTICO DE ENTRADA AO XACOBEO 2010
Anxo Quintana recordou que o espazo da Expo servirá, ademais, como grande pórtico promocional do próximo Xacobeo 2010, como se percibe tamén no pavillón. “Dámoslle este significado na preparación do que vai ser un dos acontecementos máis importantes para Galiza neste fin de década, ao que se van dedicar un total de 141,4 millóns de euros entre 2008 e 2010”.
Sobre o Xacobeo, Quintana adiantou hoxe en Zaragoza que, na aposta por consolidar o carácter do camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo, unha das iniciativas destacadas do ano será a celebración da Exposición Magna sobre Diego Xelmírez, figura central na historia de Galiza pero tamén na construción da Europa románica. Trátase dunha grande mostra itinerante que recalará nas cidades de Roma e París ao longo do 2010.
A AUGA COMO POTENCIA
Quintana fixo referencia no seu discurso ao tema central da Exposición de Zaragoza. Segundo dixo, no marco dunha Expo que presenta a auga como desafío fronte ao cambio climático, “a imaxe de Galiza que queremos proxectar é a dun país que identifica a auga como potencia competitiva de primeira orde, que soubo anticipar o esencial da súa protección e o valor engadido que achega”. Neste sentido, recalcou que “Galiza atopou na auga o grande eixe transversal que permite anunciar o país como economía competitiva, innovadora e atractiva para o e a produción dinámica de actividades no panorama global”.
“Arredor da auga, Galiza construíu un discurso propio, diferente, que fai fincapé en aqueles aspectos e dimensións con capacidade para crear grandes alianzas de país”, grandes alianzas que, segundo explicou, se concretan nos ámbitos das enerxías renovables, o medio, o turismo e o patrimonio cultural. Anxo Quintana referiuse especialmente ao campo enerxético, e recordou que nestes tres anos de goberno a Xunta de Galicia iniciou un xiro radical na política enerxética galega, cunha aposta que ten na auga e o vento parte esencial. “Estes dous recursos, xunto ao aproveitamento da biomasa forestal, teñen en Galiza un claro e distintivo potencial para xerar riqueza, emprego e benestar, e nesa liña estase a traballar”, explicou.


