O pavillón galego volveu ser o sábado, con 23.139 persoas, o máis visitado de toda a Expo e encabeza a lista dos máis visitados por diante da emblemática Torre da Auga.

Dende hoxe luns e até o vindeiro domingo celébrase no recinto expositivo de Galiza a Semana dos nenos, con actividades plásticas, audiovisuais e contacontos sobre os Camiños de Santiago.

O Pavillón Galego organizou en Expozaragoza a fin de semana do termalismo galego

A Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración co Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, organizou onte e antonte, en Expozaragoza, a fin de semana do termalismo galego.

Fisioterapeutas galegos procedentes das Escolas Universitarias de Fisioterapia da Universidade da Coruña e mais da Universidade de Vigo e do Balneario de Mondariz ofrecéronlles durante estes dous días tratamentos mediante masaxes ás persoas que visitaron o pavillón e quixeron participar desta actividade. O obxectivo desta actividade vinculada cos usos terapéuticos e lúdicos da auga termal é o de familiarizar ao público xeral con estas técnicas. Os profesionais traballaron durante dúas xornadas de oito horas para poder atender a demanda de público.

Ao final do tratamento entregóuselle a cada usuario un catálogo coa oferta galega de turismo de saúde –balnearios, centros de talasoterapia e spas– e un pequeno agasallo. Así mesmo, proxectáronse nas pequenas pantallas que conforman o recinto expositivo galego produtos audiovisuais de promoción do turismo de saúde.

O PAVILLÓN MÁIS VISITADO DA EXPO

O Pavillón galego volveu ser, o sábado día 19, o máis visitado da Expo: 23.139 persoas achegáronse ao recinto. O segundo lugar ocupouno a Torre da Auga, con 23.045 visitas, e o terceiro, Angola, con 21.095 persoas. A sensación refrescante do recinto de Galiza e o material de promoción, así como o poder de atracción do país galego pola súa relación coa auga, tema central da mostra internacional, constitúen os principais reclamos dun espazo que se está a converter na cita ineludíbel para os visitantes da exposición.

COMEZA A SEMANA DOS NENOS

Por outra banda, dende hoxe luns e até o vindeiro domingo, celébrase a Semana dos nenos no pavillón galego. Dúas sesións diarias (11:00 horas e 17:00 horas) de contacontos, audiovisuais, música en directo e actividades plásticas constitúen a oferta lúdica especialmente pensada e organizada para os máis cativos. Trátase do espectáculo Contos do Camiño promovido pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo e realizado por Oqo Editora.



Buscar


Novas


14.09.08

24.08.08

2.08.08

21.07.08

18.07.08

14.07.08

14.07.08

26.06.08

28.05.08

25.04.08

22.01.08

18.09.07

27.07.07

27.07.07

5.07.07

Consellería de Innovación e Industria Xacobeo ExpoZaragoza 2008


Aviso Legal