A Consellaría, a través da súa Dirección Xeral de Turismo, convoca dende hoxe o concurso público para o deseño e dirección de obra do Pavillón de Galiza na mostra internacional
A nova obra transmitirá unha imaxe que, partindo da tradición, será esencialmente nova, interactiva e actual, con espectáculos, gastronomía e conferencias de divulgación científica.
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, anunciou no acto de presentación do novo pavillón expositivo a creación da nova Oficina Galega para Exposicións Universais, dependente da Dirección Xeral de Turismo.
Innovación e industria investirá dous millóns de euros para a promoción de Galiza na Expo Zaragoza 2008
O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando X. Blanco Álvarez, presentou hoxe no Pazo de Exposicións e Congresos da Coruña os contidos da presenza galega na Exposición Internacional de Zaragoza que se desenvolverá a partir do 14 de xuño de 2008 e que se prolongará nesta cidade durante tres meses. Ao acto de presentación asistiron, ademais do conselleiro, o director xeral de Turismo, Rubén Lois, e o director de Comunicación da Expo, Antonio Silva.
Fernando Blanco anunciou que hoxe mesmo se informa a través da prensa escrita do anuncio do concurso público que adxudicará o deseño do pavillón e a dirección da obra. A Consellaría de Innovación e Industria investirá un total de dous millóns de euros na súa participación na Expo de Zaragoza. A metade deste investimento destinarase ao deseño e á montaxe do pavillón. A consellaría quere transmitir unha imaxe que, partindo da fonda tradición galega, sexa esencialmente nova, interactiva e actual, cun pavillón que xogue ademais coa experimentación e as sensacións.
En canto aos contidos do pavillón, estes xirarán en torno á Galiza verde, coa que se pretende achegar unha imaxe complementaria á clásica da Península Ibérica, a Galiza dos bosques, húmida, atlántica. A carón disto, o pavillón presentará tamén ao país como potencia pesqueira, o auxe do turismo termal e, por suposto, os Camiños a Compostela, historicamente vinculados á auga.
Día de Honra de Galiza
Ademais do contido expositivo do pavillón, programarase unha variada selección do mellor da creación musical e artística do país. Estes espectáculos desenvolveránse arredor do Día de Honra de Galicia, que será o 18 de xullo de 2008. Xunto aos espectáculos, a oferta gastronómica, das Denominacións de Orixe e tamén das augas minerais, terá un espazo propio en Zaragoza.
Aproveitando este acto de presentación, o conselleiro de Innovación e Industria anunciou a posta en marcha da nova Oficina Galega para Exposicións Universais, dependente da Dirección Xeral de Turismo, e responsable da xestión e coordinación da presenza do noso país en todas as futuras mostras internacionais ou universais.
Na presentación de hoxe, proxectouse o audiovisual Temos moito que dicir, unha montaxe de minuto e medio de duración que resume a intensa e fonda vinculación que Galiza sempre tivo coa auga, pois a auga estivo e está presente en todas as manifestacións vitais do país.


