O director xeral de Turismo, Rubén Lois, presidiu o acto inaugural xunto co xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Rodríguez Eguíbar. Estiveron acompañados de autoridades locais para inaugurar esta mostra que poderá visitarse na capital maña até finais de xullo.

A Semana de Galiza que se celebra até o domingo inclúe ademais da exposición, concertos e dous días dedicados á promoción do turismo termal con sesións de masaxe no pavillón de Galicia.

Innovación e Industria inaugura unha exposición fotográfica sobre a relación de Galiza co mar no día de Galiza en ExpoZaragoza

Dende hoxe e até o vindeiro día 31 de xullo poderá visitarse na Plaza de los Sitios de Zaragoza a exposición Galicia, Santiago y el Mar, que está promovida pola Consellaría de Innovación e Industria a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. A exposición fotográfica está especialmente deseñada para a súa colocación en exteriores e aborda as relacións milenarias que Galiza mantén co mar. Esta relación refórzase coa tradición da translatio do corpo do Apóstolo Santiago o Maior dende Jaffa até Iria Flavia e co desenvolvemento das peeregrinacións marítimas.

A exposición desenvólvese ao longo da Plaza de los Sitios como unha sorte de gran biombo pautado por torres-lámpadas que serven de reclamo e soporte de información. Cada panel é de 2×2 metros e contén fotografías de gran tamaño de autores galegos como Tono Arias, Tino Martínez e Xurxo Lobato.

Os contidos da mostra inícianse na prehistoria galaica, con imaxes de pezas e asentamentos da Idade do Bronce e da Idade do Ferro, época identificada coa cultura castrexa. Nestes tempos, que abarcan dende o 2000 a.C. até a romanización, no século I d.C., os galegos mantiñan contactos, vía marítima coa franxa atlántica de Europa occidental e co Mediterráneo. Coa chegada de Roma, estes contactos intensificáronse e non deixaron de desenvolverse durante a Idade Media. Precisamente a tradición do traslado do corpo de Santiago dende Xerusalén até Galicia, nunha barca de pedra que pode identificarse cunha nave que comerciaba con minerais, se produce no contexto dos contactos comerciais entre o noroeste peninsular e o mundo mediterráneo.

No tocante ao medievo, a exposición destaca os momentos das invasións normandas, con lugares como Torres de Oeste en Catoira, como coas celebracións festivas e coas peregrinacións marítimas. Esta constitúe unha das partes máis chamativas da mostra porque resalta un aspecto pouco divulgado como as peregrinacións polo mar provocadas pola rapidez e a relativa seguridade dos camiños do mar e mais pola Guerra dos Cen Anos que provocaba problemas nas rutas terrestres de occidente.

A mostra continúa cos descubrimentos oceánicos, nos que Galiza tivo achegas importantes: lémbrese que a caravela Santa María foi construída nos estaleiros de Pontevedra e a Pinta arribou a Baiona coa primicia do descubrimento de América. A relación de Galiza co Novo Mundo sintetízase na mostra co desenvolvemento do culto xacobeo en terras americanas, e finaliza cunha reflexión sobre a oferta cultural e turística que, na actualidade ofrece a costa galega a visitantes, turistas e peregrinos: os portos deportivos, as praias e a gastronomía intimamente vinculada ao mar.

A fotografía final –unha torta de Santiago coa cruz-espada xacobea– pretende pechar o círculo dunha mostra que se iniciaba coa espada da Idade do Bronce atopada na ría de Arousa, mar unido ao río Ulla polo que chegou a Galiza o tesouro do corpo do apóstolo Zebedeo.

MÁIS ACTOS DA FIN DE SEMANA DE GALIZA

Á unha da tarde de hoxe venres no Balcón das Culturas actuarán Malvela, a Señora Carme e Uxía. Esa mesma actuación repetirase ás sete da tarde na Praza de Aragón. Xa as 20,30 horas actuará no Pazo de Congresos o grupo galego de música barroca Resonet.

Doutra parte, a fin de semana estará dedicada a promocionar o turismo termal dentro do pavillón galego con iniciativas novidosas que soprenderán ao público, como sesións de masaxes e outras terapias vinculadas coa auga.



Buscar


Novas


14.09.08

24.08.08

2.08.08

21.07.08

18.07.08

14.07.08

14.07.08

26.06.08

28.05.08

25.04.08

22.01.08

18.09.07

27.07.07

27.07.07

5.07.07

Consellería de Innovación e Industria Xacobeo ExpoZaragoza 2008


Aviso Legal