Visita ás obras do pavillón de Galiza en Expo Zaragoza 2008.
Dossier informativo
GALIZA EN EXPO ZARAGOZA
A Consellería de Innovación e Industria, a través da SA de Xestión do Plan Xacobeo, desenvolve a promoción de Galiza en Expo Zaragoza 2008, dende o deseño e a construción do pavillón galego ate o calendario de espectáculos e actividades. A Consellería tamén se encarga da xestión do restaurante de cociña galega, que administrará o Centro Superior de Hostalería de Galiza, dependente de Innovación e Industria.
O PAVILLÓN GALEGO
Unha pantalla xigante de 13 metros de lonxitude por sete de alto é o elemento central do pavillón de Galiza cuxa construción está finalizando no recinto de Expo Zaragoza. Esta estrutura estará formada por 3.000 mostras de auga que foron recollidas, dende febreiro e durante o presente mes de maio, por un equipo de especialistas que percorreron os 315 concellos galegos. As mostras foron introducidas nuns recipientes transparentes que, envasados ao baleiro, conforman a orixinal malla que estes días se está montando. Este peculiar muro de auga formará unha pantalla interactiva sobre a que se irán proxectando imaxes do país. Cada un dos 3.000 envases serán só visibles cando o visitante se aproxime a eles e contarán con información precisa do lugar onde foi captada a auga.
A través deste escenario visual e emocional Galiza intentará transmitir neste magno evento, e dunha maneira nova, orixinal e interactiva, que é o país da auga, o elemento que a percorre por todos os seu recunchos e a define e enriquece.
Fronte a esta pantalla tomará corpo un pavillón, dunha superficie total de 350 metros cadrados, que está concebido como un espacio de relax. Unha atmósfera tipo chill-out onde repousar e captar as sensacións que transmite o lugar. No lateral esquerdo da sala situarase unha fila de pantallas a través das que o visitante poderá visualizar, entre outros recursos, o making of da captación das augas, é dicir, un audiovisual onde se mostrará como foi a recollida das augas para a gran pantalla nalgúns dos lugares máis emblemáticos de Galiza. Esta fórmula permitirá percorrer, dun modo diferente, os mellores recursos turísticos do país relacionados coa auga. Entre eles: os acantilados de Roncudo, Santo André de Teixido, Fragas do Eume, Fonte de Praterías, Pedregal de Irimia, Devesa da Rogoira, San Miguel de Montefurado, Fonte da Fonsagrada, As Burgas, Ribeira Sacra, Pena Trevinca, Manantial de Riocaldo, Fervenza do Toxa, Esteiro do Miño, Balneario de Mondariz e praia da Lanzada.
A través desas pantallas, o visitante poderá acceder tamén a toda a información relativa ás captacións da auga: nun mapa de Galiza aparecerán todos os puntos de recollida e a localización concreta no panel xigante.
Na entrada do pavillón, a exposición amosará cinco grandes paneis informativos montados sobre caixas de luz, onde se desenvolverán os seguintes temas:
– Os Camiños de Santiago (Xacobeo 2010)
– Espacios Naturais (Parque Nacional, Parques Naturais, Humedais, Rede Natura, Reservas da Biosfera)
– Termalismo
– Praias
– Denominacións de Orixe
– Cascos históricos relacionados coa auga
– Industrias do mar
Finalmente, a fachada exterior do pavillón articularase como un pórtico escenográfico, unha infinidade de luces que irán cambiando de cor como alegoría da Vía Láctea, da Galiza verde ou da propia auga.
O deseño e a construción do pavillón galego na Expo supón unha inversión de 1,5 millóns de euros.
ACTIVIDADES
O programa de actividades que a Consellería de Innovación e Industria desenvolverá durante a próxima Exposición Internacional de Zaragoza pretende promocionar Galiza, dentro da oferta que se presenta en Expo Zaragoza, como unha economía competitiva, innovadora e atractiva para a inversión, ademais de como destino turístico moi vinculado á auga.
A presenza de Galiza na Expo será especialmente intensa ao longo do mes de xullo, no que se concentrará a maior parte da actividade. Desenvolverase unha Semana de Galiza na Expo, do 12 ao 18 de xullo, se ben os espectáculos socioculturais articulados arredor desta semana terán continuidade nos seguintes días, ate o 27, co cal se manterá toda unha quincena de actividades artísticas promocionais do país galego en Zaragoza.
As actividades, que se desenvolven cun presuposto de 350.000 euros, son variadas e inclúen concertos de música folk, pop e clásica nos principais espazos de espectáculos do recinto, unha mostra no centro da cidade de Zaragoza, actos para nenos, o funcionamiento dun “aquófono” no interior do pavillón e a celebración do Día de Honra de Galiza, o 18 de xullo.
Espectáculos musicais
Durante a mañá do sábado, 12 de xullo, primeiro día da Semana de Galiza, o grupo folk Son de Seu presentará o seu disco nun espectáculo no Balcón das Culturas, mentres que pola noite a actuación terá lugar no Palacio de Congresos do recinto Expo Zaragoza, con capacidade para 1.500 persoas.
Outros concertos terán lugar na Praza de Aragón, espazo situado tamén dentro do recinto da Expo ao que poderán asistir máis de 2.000 persoas. A oferta galega contará con Luar na Lubre e Nova Galega de Danza o luns 14, ao día seguinte coa participación dos grupos pop e alternativos The Ellas, Deluxe e Lamatumbá, e o venres 18, actuarán Malvela e Uxía coa súa música tradicional.
A celebración do Día de Honra de Galiza (18 de xullo) completarase cunha actuación do grupo clásico Resonet no Palacio de Congresos.
Exposicións
No centro da cidade de Zaragoza (praza dos Sitios) abrirase a exposición “Galiza, Santiago e o Mar” que ao longo de todo o mes de xullo amosará fotografías en gran formato e cubos de luz, especialmente atractivos durante a noite, acompañadas de música medieval relacionada coas peregrinacións. A exposición céntrase en Galiza e a súa vinculación co mar, como encrucillada entre o Atlántico e o Mediterráneo a través das distintas etapas históricas. Nela dase a coñecer tamén a actualidade dos portos galegos, en especial os deportivos polo seu interese turístico internacional.
Aquófono
Ao longo da Semana de Galiza, dentro do pavillón, funcionará un “Aquófono”, un instrumento musical único no mundo inventado por dous integrantes galegos do grupo de música experimental Parto. O Aquófono produce sons a partir da percusión das gotas de auga que se transforman en notas musicais. Deste modo, a banda sonora do pavillón estará producíndose en tempo real por este instrumento, que poderá ser tocado polos propios visitantes, co cal calquera persoa poderá improvisar e facer audible unha peza musical irrepetible.
Turismo de Saúde
O fin de semana do 19 e 20 de xullo dedicarase, no pavillón de Galiza, ao Turismo de Saúde e o Termalismo, con presentacións da oferta turística neste terreo e un equipo de especialistas que realizarán masaxes terapéuticas nas propias instalacións.
Outras actividades
Na semana do 21 ao 27 de xullo continuará habendo actividades, como é o espectáculo multimedia “Contos do Camiño”. Dentro do pavillón de Galiza a editora OQUE desenvolverá en sesións de mañá e tarde proxeccións de contos animados para rapaces e rapazas, e explicará as diferentes rutas de peregrinación a Santiago en forma de contacontos con música en directo. Isto, xunto con actividades plásticas para os nenos, pretende achegar dunha maneira divertida o coñecemento de Galiza e dos camiños de Santiago.
Para celebrar o Día de Galiza, o 25 de xullo, a Expo de Zaragoza acollerá a actuación como pasarúas do Grupo Treixadura, para facer notar a presenza do país galego nesta data tan especial.
A COCIÑA GALEGA EN EXPO ZARAGOZA
Galiza promocionará a súa gastronomía en Expo Zaragoza nun restaurante xestionado pola Consellería de Innovación e Industria, a través do Centro Superior de Hostelería de Galiza. O conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, asinou o pasado mes un convenio de colaboración con catro asociacións gastronómicas de Galiza para que estas asociacións realicen as tarefas de restauración durante o mes de xullo. Cada unha das asociacións, Asociación Gastronómica “Amigos da Cociña Galega”, Club Gastronómico “Rías Altas”, Asociación de Restaurantes Galegos “Lareira” e Asociación Gastronómica “Xantares”, deseñará o menú que se degustará no restaurante galego durante unha semana e achegará 9 persoas para desenvolver as devanditas tarefas de restauración.
A oferta gastronómica inclúe aperitivos de lacón prensado e queixos do país; así mismo, salpicón de marisco, empanada, mexillóns en escabeche e ao vapor, pemientos de Padrón, polbo “á feira”, e como sobremesa, torta de Santiago, pedras de Santiago e Marrón Glaçé.
FORO CIENTÍFICO “TRIBUNA DA AUGA”
Galiza estará representada no foro “Tribuna da Auga”, o gran encontro científico da Expo, por 14 científicos galegos, que abordarán outros tantos proxectos vinculados coa auga e o desenvolvemento sustentable. Estes proxectos foron seleccionados dun total de 30 presentados por Galiza, que é a comunidade autónoma que máis expertos leva á Expo, o 35% dos expertos do Estado, unha cifra igual á de países como Rusia, Colombia ou Arxelia. De todo o mundo participarán 350 científicos. Os galegos pertencen ás tres universidades, a ONGs como Enxeñeiros sen Fronteiras, a asociacións ecoloxistas como Adega, etc. O Foro Tribuna da Auga culminará, tras tres meses de debates, coa Carta de Zaragoza, un documento que fixará os bos usos dos Estados e territorios e os seus habitantes en relación ao consumo da auga e ao desenvolvemento sustentable.
Relación de científicos galegos participantes:
– Augusto Pérez Alberti (21-23 xullo): Subglaciares rexión sub-antártica
– Benedicto Soto González (30 xuño a 3 xullo): Alteracións medio fluvial por cambio climático
– José A. Cid Fernández (1-3 septiembre): Usos enerxéticos dos recursos hídricos
– Josefina Garrido González (30 xuño a 3 xullo): Diversidade Invertebrados acuáticos en augas estancadas
– Virginia Rodríguez (4-6 agosto): Proxecto “Ríos”-Adega
– Cástor Guisande Glez. (16-20 xuño): Factores que estruturan a comunidade de peixes do Amazonas
– Enrique Peña (30 xuño-3 xullo): Cooperación ao desenvolvemento -proxectos hidrosanitarios.
– Jerónimo Puertas (30 xuño- 3 xullo): Dispositivos para franqueo de obstáculos en ríos por fauna piscícola
– Joaquín Suárez López (15-18 xullo): Xestión contaminación. Drenaxe, tempo, choiva e outros temas
– Jordi Delgado (16-20 xuño): Clausura e restauración hocos mineiros – Master Enxeñería da Auga Universidade da Coruña (UDC)
– Xan Neira (16-20 xuño): Uso sustentable da auga nos agroecosistemas
– Raquel Fernández Beceiro (4-6 agosto): Recuperación Val de Esmelle-Ferrol
– Serafín González (7-9 xullo): Recuperación Lagoa Antela-A Limia
– Emilio Louro (4-6 agosto): Reserva mariña de Lira


