Galiza é a comunidade autónoma do estado cunha maior representación nun encontro polo que pasarán 350 científicos de todo o mundo.

A Tribuna divídese en oito Semanas Temáticas nas que se falará de aspectos medioambientais, enerxéticos, sociais, económicos, etc. relacionados coa auga

Catorce galegos exporán na Tribuna da Auga investigacións científicas, proxectos de cooperación e iniciativas cidadás

Catorce científicos e expertos galegos participan a partir da próxima semana na Tribuna da Auga da Expo Zaragoza 2008, que se celebra desde este sábado 14 de xuño baixo o lema “Auga e Desenvolvemento Sustentable”. É o punto de encontro de 350 científicos de todo o mundo e Galiza é a comunidade autónoma do estado con maior representación, igualando a cifra de países participantes como Rusia, Colombia ou Arxelia.

Co obxectivo de contribuír a reorientar e a mellorar os sistemas vixentes en materia de auga e desenvolvemento sostible, na Tribuna da Auga porase en común o coñecemento universal para afrontar os retos medioambientais, climáticos, enerxéticos, etc. desde unha óptica innovadora. Este encontro, que supón o evento científico central da Exposición Universal de Zaragoza, divídese en oito Semanas Temáticas: “Auga e terra”, “Auga e cidade”, “Auga para a vida”, “Auga, recurso único”, “Servizos de Abastecemento e de Saneamento”, “Cambio Climático e Fenómenos Extremos”, “Economía e Finanzas da Auga”, “Auga e Sociedade” e “Auga e Enerxía”.

En cada unha destas semanas se abordará un tema relacionado coa auga e co desenvolvemento sustentable. Os expertos intervirán para compartir experiencias comprobadas e leccións aprendidas, explicar resultados de investigacións e facer propostas e recomendacións para novos proxectos innovadores. En seis das oito semanas haberá presenza galega.

Ademais do estritamente científico, a Tribuna da Auga servirá para a posta en común de temas transversais e ineludibles relacionados co medio ambiente e co desenvolvemento sustentable, como son o marco xurídico, a xestión de proxectos, os asuntos económicos ou os fenómenos sociais.

CATRO MEMBROS DO GRUPO DE ENXEÑARÍA DA AUGA DA UDC

A Universidade da Coruña está presente na Expo Zaragoza 2008 con catro representantes, membros todos eles do Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente. Este grupo traballa en todos os ámbitos do ciclo da auga, como o abastecemento a xestión dos recursos hídricos, o saneamento ou as infraestruturas hidráulicas. A súa presenza nas semanas temáticas servirá para expor as singularidades que, desde diversos puntos de vista, afectan a Galiza.

Jerónimo Puertas e Jordi Delgado participan na primeira Semana Temática, que o luns dá comezo baixo o título “Auga e terra” . Os eixes temáticos sobre os que se organiza son a xestión territorial, a forestación e a agricultura de regadío. Abórdase a xestión da auga como un piar fundamental na ordenación do territorio. Puertas exporá os avances que se están a facer en Galiza con respecto aos dispositivos para o franqueo por parte da fauna piscícola de obstáculos dos ríos e ao mantemento de caudais ecolóxicos mentres que Delgado falará da clausura e da restauración de ocos mineiros.

Joaquín Suárez, membro do mesmo grupo da UDC, participa como experto na semana “Auga e saneamento” entre o 15 e o 18 de xullo. A súa intervención centrarase na xestión da contaminación e na drenaxe en tempo de choiva. Pola súa banda, Enrique Peña intervirá na semana “Auga para a vida”, que terá lugar entre o 30 de xuño e o 3 de xullo. Exporá a experiencia no proxecto de asistencia técnica, formativa e de investigación aplicada nas zonas de actuación do Programa Hidrosanitario de Same, en Tanzania. A súa intervención centrarase nos tres puntos centrais do proxecto: o estudo dos recursos hídricos do Distrito de Same, a planificación para o abastecemento e o saneamento, e o diagnóstico da participación da muller en proxectos relacionados coa auga.

AUGA PARA A VIDA

Na semana “Auga para a vida” participan tamén dous profesores da Universidade de Vigo, Benedicto Soto e Josefina Garrido. O primeiro deles achegará os resultados dunha investigacións obre as alteracións nos ríos por causa do cambio climático. Este proxecto trata de avaliar o papel da vexetación forestal na modificación do ciclo hidrolóxico, tanto no que se refire á mitigación das riadas como ao incremento da seca estival motivada pola presenza de especies de crecemento rápido.

Josefina Garrido, pola súa banda, asiste á Tribuna da Auga para expor os resultados do estudos obre a diversidade de invertebrados acuático sen augas estancadas. Este proxecto conta coa colaboración da Consellaría de Innovación e Industria, que lle concedeu unha axuda de 80.000 euros en 2006 no marco do Plan Galego de I+D+i.

EXPERTOS EN ECOLOXÍA E EN ENERXÍA DA UNIVERSIDADE DE VIGO

A Universidade de Vigo conta aínda con tres representantes máis. Cástor Guisande, membro do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal e experto en ecoloxía acuática, exporá durante a semana “Auga e terra” as conclusións da investigación sobre os factores que estruturan a comunidade de peixes no río Amazonas.

Os outros dous profesores da Universidade de Vigo que estarán en Zaragoza son Pedro Antonio Araújo e José Antonio Cid. Participarán na Semana Temática sobre enerxía para falar dos usos enerxéticos dos recursos hídricos.

USOS SUSTENTABLES E CAMBIO CLIMÁTICO

Xan Neira, profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago de Compostela, intervirá na Tribuna da Auga como experto en agricultura ecolóxica. En concreto, referirase ao uso sustentable da auga nos agroecosistemas no marco da semana “Auga e terra”. Neira explicará os resultados dun proxecto que identifica técnicas ecoloxicamente sas para a optimización da produción e que demostra que “os enfoques agroecolóxicos son economicamente viables posto que minimizan os custos de produción ao aumentaren a eficiencia dos recursos”.

Outro representante da USC será Augusto Pérez Alberti, que participa na semana sobre “Cambio climático e eventos extremos” cun proxecto enmarcado dentro do Ano Polar Internacional. Trátase do estudo de “formas crionivais na rexión subantártica” de Arxentina. Este proxecto ten como obxectivos coñecer as formas vinculadas á auga en estado sólido no solo, saber cal foi a súa evolución no pasado e coñecer como evolucionarán no futuro. A investigación, que comezou en 2004, permitiu coñecer tanto o retroceso das frontes glaciares, caso do Glaciar Alvear, como a existencia de solos xeados a 130 centímetros de profundidade. Segundo Augusto Pérez, estes datos son importantes no estudo do cambio climático.

TRES INICIATIVAS CIDADÁS EN “AUGA E SOCIEDADE”

Na Semana Temática “Auga e sociedade” participan tres iniciativas cidadás galegas de diferente índole. A Confraría de Lira, representada por Emilio Louro, exporá os resultados do traballo realizado entre 2003 e 2007 para o deseño dunha reserva mariña. Os pescadores, nun proceso interno e participativo, foron os encargados de deseñala, de seleccionar o tamaño, a localización e a zonificación sobre a base do coñecemento tradicional. A reserva ten máis de 2.000 Ha e está xestionada paritariamente polos pescadores e pola administración seguindo a idea da Coraría de Lira de que o pescador debe ser “o albacea e o garda” dos recursos mariños.

Rafael Fernández Beceiro representará na Tribuna da Auga aos veciños de Esmelle, que desde 2003 están a realizar de xeito voluntario na recuperación do patrimonio material e inmaterial deste val situado no concello de Ferrol. O patrimonio está moi relacionado coa cultura da auga xa que o val está cheo de muíños, lavadoiros e fontes nos que se traballa para recuperalos e mantelos. A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) concedeu un accésit ao proxecto en 2005 no Premio ao embelecemento rural galego. Na actualidade, o Ministerio de Vivenda, a través do Comité Hábitat Español, seleccionou o Proxecto Esmelle para participar no VII concurso internacional de Boas Prácticas de Nacións Unidas.

A terceira das iniciativas que participa na Semana “Auga e sociedade” é o Proxecto Ríos. Este proxecto é unha iniciativa de Adega para “a concienciación, a educación e a participación cidadá en defensa dos ríos galegos”. Virginia Rodríguez será a encargada de explicar un proxecto que se fundamenta na realización de inspeccións por parte de persoas ou grupos voluntarios a nivel local. O Proxecto Ríos naceu en Galiza en 2004, cando ADEGA asinou un convenio de colaboración con Associació Habitats, organización que desde 1999 traballaba en Cataluña con este sistema para o coidado dos ríos e a participación activa da cidadanía.



Buscar


Novas


14.09.08

24.08.08

2.08.08

21.07.08

18.07.08

14.07.08

14.07.08

26.06.08

28.05.08

25.04.08

22.01.08

18.09.07

27.07.07

27.07.07

5.07.07

Consellería de Innovación e Industria Xacobeo ExpoZaragoza 2008


Aviso Legal