Os visitantes que se acheguen ata o Pabellón de Galicia entre o 25 e o 31 de agosto poderán ver nun vídeo elaborado con motivo do certame diversas actuacións da Administración pesqueira galega como as repoboacións de especies no litoral ou a creación de reservas mariñas protexidas

A Consellería de Pesca difunde a súa aposta pola sustentabilidade do medio mariño na Expo Zaragoza 2008

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos difundirá entre os días 25 e 31 de agosto a súa aposta pola sustentabilidade do medio mariño no Pavillón de Galicia da Expo Zaragoza 2008, a través da proxección dun vídeo elaborado con motivo do certame e no que se incide na importancia de actuacións como a creación de áreas mariñas protexidas, as repoboacións do litoral ou a protección do medio ambiente.

O vídeo, que ten unha duración de dous minutos e vinte segundos, comeza co lema Auga-Mar-Galicia, achegándose, deste xeito, ao obxecto da mostra internacional, a auga como elemento para a vida. As imaxes, que son emitidas cun texto sobreimpreso, organízanse en torno a catro eixos que lles dan continuidade: Reservas Mariñas, Repoboación, Medio Ambiente e Sustentabilidade.

Tamén é de sinalar que a proxección amosará aos visitantes que se acheguen ao Pavillón de Galicia durante a vindeira semana, as nosas costas e os fondos mariños coas especies que os habitan, así como actividades vencelladas ao mundo do mar características da nosa comunidade autónoma, como o marisqueo ou a pesca con diferentes artes.

En canto ás reservas mariñas, faise fincapé na importancia de protexer o hábitat fomentando o desenvolvemento das especies para asegurar o futuro. Nesta liña atópase a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro “Os Miñarzos” de Lira, que foi creada trala aprobación, polo Consello da Xunta de Galicia, do correspondente Decreto o 12 de abril de 2007. Este espazo marítimo protexido atópase no concello coruñés de Carnota e foi impulsado conxuntamente pola Consellería de Pesca e a Confraría de Pescadores de Lira.

Coa creación desta reserva mariña, a primeira deste tipo posta en marcha en Galicia, buscouse, entre outros obxectivos, favorecer a rexeneración dos recursos pesqueiros, conservar a flora e a fauna do medio mariño e a súa diversidade, fomentar a sensibilización ambiental sobre o mar, divulgar os valores pesqueiros e ambientais da costa galega e favorecer os estudos científicos sobre as medidas de protección dos recursos e xestión das pesqueiras. Ademais, a creación desta área protexida busca aportar novasoportunidades socio económicas no campo do turismo e do lecer que favorezan a diversificación das actividades da comunidade pesqueira e a posta en valor dos pescadores e da cultura mariñeira.

Ao apartado relativo ás reservas mariñas séguelle outro no que se aposta polo crecemento sostible, a defensa dos recursos mariños e o medio natural e a repoboación no mar para “crear máis vida na vida”. De feito, unha das principais iniciativas do equipo da Consellería de Pesca é o Plan de Repoboación de Especies Mariñas no Litoral Galego, posto en marcha a finais de 2005 e que, ao remate de 2008, permitirá acadar a cifra de 11.000 xuvenís de lumbrigante e 34.000 alevíns de rodaballo liberados nas costas galegas.

Por outra banda, o vídeo que Pesca difundirá na Expo Zaragoza 2008 tamén recolle a importancia do medio ambiente e, concretamente, a de coidar o mar para poder vivir del, así como o papel da sustentabilidade, eido no que se avoga por aproveitar os recursos e respectar o entorno para que Galicia “siga sendo un paraíso mariño de riqueza e biodiversidade”. Nesta dirección, hai que destacar que unha das mellores medidas aplicadas para lograr os fins referidos anteriormente é o Plan Xeral de Explotación Marisqueira, un documento que se elabora anualmente e que constitúe un mecanismo que permite ao sector participar de forma activa na responsabilidade da xestión dos recursos mariños.



Buscar


Novas


14.09.08

24.08.08

2.08.08

21.07.08

18.07.08

14.07.08

14.07.08

26.06.08

28.05.08

25.04.08

22.01.08

18.09.07

27.07.07

27.07.07

5.07.07

Consellería de Innovación e Industria Xacobeo ExpoZaragoza 2008


Aviso Legal