O recinto galego, promovido pola SA de Xestión do Plan Xacobeo da Consellería de Innovación e Industria, foi un dos máis visitados dos 140 pavillóns montados na Exposición Internacional da Auga.

O restaurante, dependente do Centro Superior de Hostalería de Galiza, serviu durante os 92 días, máis de 17 toneladas de polbo, 15 de mexillóns, 26.000 racións de empanada e cinco toneladas de pan de Cea.

O Pavillón de Galiza en Expozaragoza superou os 950.000 visitantes e o seu restaurante os 45.000 menús

Hoxe pecha as súas portas a Exposición Internacional de Zaragoza, o evento que durante tres meses situou Zaragoza no centro das visitas turísticas de todo Estado e internacionais e tamén converteu a capital maña no xerme dun debate arredor dos usos da auga e o desenvolvemento sostible. Galiza, a través da Consellaría de Innovación e Industria, acudiu a Expozaragoza cun pavillón de 350 metros cadrados, orixinal e innovador e cun restaurante que xestionou o Centro Superior de Hostalería de Galiza.

O pavillón artellouse arredor dunha grande pantalla de auga de 13×7 metros que amosaba 3.155 mostras de auga procedentes de todos os concellos do país. A pantalla completábase cunha atmósfera tipo chill out que buscaba a transmisión de sensacións e relax, as melodías dun aquófono (aparato que produce música a través de gotas de auga) e cinco paneis luminosos cos principais recursos turísticos galegos.

A aceptación desta nova proposta de promoción da imaxe turística de Galiza foi moi positiva. O Pavillón galego achegouse ao millón de visitantes, superando onte, sábado, os 950.000. Foi, así mesmo, un dos recintos máis visitados dos 140 pavillóns montados na Expo da auga, colocándose entre os dez pavillóns máis concorridos durante varias xornadas.

O sábado día 12 de xullo (data de inicio da Semana de Galiza en Expozaragoza) foi o Pavillón máis visitado. Recibiu 26.380 visitas, por diante do pavillón de América Latina (con 19.259 visitas) e a Torre da Auga (18.458). O sábado seguinte, o 19, volveu ser o máis visitado da Expo, con 23.139 persoas, por diante da Torre da Auga (21.045). E durante todos os días que durou a Semana de Galiza (12 ao 18 de xullo), a Fin de Semana do Termalismo Galego (19 e 20 de xullo), e a Semana dos Nenos (21 a 27 de xullo) mantívose sempre entre os dez pavillóns máis visitados. O sábado 6 de setembro volveu superar os 21.000 visitantes nun só día, con 21.553.

MÁIS DE 17 TONELADAS DE POLBO E 15 DE MEXILLÓNS

O restaurante de Galiza foi, pola súa banda, a outra parte do éxito da delegación galega. Montado polo Centro Superior de Hostalería de Galiza (CSHG), dependente da Consellería de Innovación e Industria, optou na súa selección do menú, por produtos de calidade e denominacións de orixe galegas. E ao mesmo tempo, artellou un menú sinxelo, doado de preparar e que permitira unha rápida transición desde a cociña ao cliente. Foi un dos máis concorridos de todas as comunidades.

O CSHG utilizou o modelo de traballo dun restaurante fast food, coa particularidade de que se utilizaban produtos de calidade. Con este sistema, o CSHG ofreceu a diario 500 menús, polo que se superaron os 45.000 menús durante os tres meses de duración da Expo. En cifras, unha media de 400 racións de polbo, outras tantas de mexillóns e pan, 200 de salpicón e 150 de lacón, entre outras preparacións.

Consumíronse máis de 17.700 quilos de polbo, 15.150 quilos de mexilóns, 26.400 racións de empanada, 3.535 quilos de pementos de Padrón, 1.500 quilos de queixo, máis de 2.000 quilos de lacón prensado, preto de 5.000 quilos de pan de Cea, 1.800 quilos de marrón glacé e 526 quilos de Tarta de Santiago.



Buscar


Novas


14.09.08

24.08.08

2.08.08

21.07.08

18.07.08

14.07.08

14.07.08

26.06.08

28.05.08

25.04.08

22.01.08

18.09.07

27.07.07

27.07.07

5.07.07

Consellería de Innovación e Industria Xacobeo ExpoZaragoza 2008


Aviso Legal